Proxecto soberanía alimentaria en Ocurí, Potosí, Bolivia

O proxecto implementarase no municipio de Ocurí, Departamento de Potosí, conformado por unha das orografías máis difíciles de Bolivia, que condiciona a vida dos seus habitantes. As 94 comunidades campesiñas do municipio de Ocurí, e os seus 18.863 habitantes viven nunha situación grave de pobreza, cun índice de desenvolvemento dos máis baixos do país. De feito, Ocurí ocupa o posto 318 en Desenvolvemento Humano sobre un total de 327 municipios, cun IDH de 0,372 fronte a un 0,701 do Departamento de Potosí e un 0,669 de Bolivia.



Entre os indicadores máis alarmantes destacamos o analfabetismo que alcanza o 56% (75% nas mulleres), a mortalidade infantil de 115/1.000 nacidos vivos (España: 5/1.000), a inexistencia de luz eléctrica, e a escaseza de servizos básicos. Nestas comunidades, o consumo de calorías é entre 1300-1500/día, moi lonxe da recomendación mínima da FAO de 2250 calorías/día.

Estas familias viven da súa produción agropecuaria, sendo insuficiente tanto polos seus baixos rendementos, coma polos fenómenos naturais que agravan máis aínda a crise alimentaria que sofre o municipio, razón pola cal migran temporalmente ás cidades para complementar e asegurar a súa dieta, sufrindo fortes procesos de exclusión social, económica e organizativa, principalmente as mulleres campesiñas.

O proxecto teñen como obxectivo mellorar as condicións de seguridade alimentaria de 120 familias campesiñas de 8 comunidades do municipio de Ocurí e deste xeito contribuír a diminuír a situación de pobreza e desigualdade que viven nestas comunidades. Para lograr ese obxectivo, será preciso:

    O fortalecemento das organizacións comunitarias e o empoderamento de mulleres e homes, para que se constitúan en axentes do seu propio desenvolvemento.

    A mellora da tecnoloxía tradicional e a diversificación da produción agrícola, mellorando os niveis de produción dos cultivos tradicionais e a dispoñibilidade de produtos agrícolas todo o ano, que contribuirán á mellora da dieta alimentaria, sobre todo de nenos/as menores de 5 anos.

    O melloramento da tecnoloxía de produción pecuaria, garantindo o manexo axeitado do rabaño crioulo e o aproveitamento na dieta dos subprodutos pecuarios, principalmente polo consumo de proteínas.

    A aplicación de tecnoloxía mellorada nos procesos de produción agroecolóxica e no emprego dos recursos naturais, cun manexo máis eficiente das bases produtivas: auga, chan, planta, reducindo os altos niveis de erosión e degradación ambiental.

    A capacitación de produtores/as e as súas familias na cadea de produción agropecuaria, en educación alimentaria nutricional, hixiene e vida saudable.

    O fortalecemento e visibilización da participación da muller, para que a través do seu traballo na cadea de produción agropecuaria e artesanal acaden o pleno dereito, participen e sexan actrices activas.


O proxecto beneficia directamente a 120 familias e de xeito indirecto chegarase a 150 familias, de 8 comunidades do municipio de Ocurí.





Comparte en Facebook   Comparte en Twitter

Comentarios

  • Ningun comentario disponible
Sólo pueden comentar lxs usuarixs registradxs